A Asociación Galega de Turismo Rural en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia presenta esta nova iniciativa para potenciar o turismo na nosa comunidade como destino natural, sostible e respectuoso co entorno. Amais servirá de instrumento para reactivar o sector en Galicia logo da súa paralización durante o estado de alarma sanitario, así como promocionar roteiros e os produtos de proximidade e locais.

A merma que sufriu o sector turístico galego por mor da emerxencia sanitaria causada pola COVID-19 e a conseguinte declaración do estado de alarma, creou a necesidade de recuperar o turismo en Galicia, deste xeito nace o proxecto “Grazas por elixir Galicia”. Unha idea que ten como obxecto, amais da reactivación da actividade turística, promocionar roteiros e produtos de proximidade, así como tamén crear unha sinerxia entre os colectivos implicados no turismo da comunidade.

 

Galicia un destino natural e sostible


Descubrir a Galicia natural alonxada do turismo de masas, a súa gastronomía e achar os seus atractivos ocultos son os eixos do proxecto “Grazas por elixir Galicia”, destinado a potenciar a oferta de turismo rural. Con esta iniciativa todos os que se acheguen á nosa comunidade “poderán atopar a súa verdadeira esencia rodeada de natureza e un xeito diferente de facer turismo, sen aglomeracións e un turismo máis sostible e respectuosos coas xentes e a cultura dos lugares a visitar”.

Os visitantes terán a oportunidade de coñecer e desfrutar de lugares, entre outros, como “o corazón do parque Natural das Fragas do Eume que permitirá percorrer o bosque de ribeira de tipo atlántico cunha rica biodiversidade animal e vexetal” , ou “mesturar natureza e cultura cunha ruta por Ponteceso e pola Ribeira do Río Anllóns, pasando pola casa natal de Eduardo Pondal” para aos que se acheguen ata a Costa da Morte. Tamén as principais vilas galegas que destacan pola súa historia, patrimonio e cultura como as Terras de Santiago (Padrón, Iria Flavia..), Lugo e a Terra Chá, Ourense e Allariz, sen esquecernos das rutas e visitas máis gastronómicas como as de Ribeira Sacra, Montaña Lucense ou da Ría de Arousa.

 

Descubrir Galicia


O proxecto “Grazas por elixir Galicia” está destinado a potenciar a oferta de turismo rural engadindo novas propostas de valor para motivar alongar a estancia dos visitantes. Para alcanzar este obxectivo, formúlanse dúas liñas de actuación e AGASALLOS (bonos individuais que cada casa de turismo rural asignará a cada cliente): “Descobre os xeodestinos de Galicia”  e ““Segredos das Vilas de Galicia”.

“Segredos das Vilas de Galicia” estará destinado a aquelas reservas individuais, de parellas ou familias, que, pernoitando en calquera establecemento de turismo rural de Galicia, poderán recibir un AGASALLO PREMIUM para facer unha visita guiada nunha das sete cidades (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo).

“Descobre os xeodestinos de Galicia”, proponse para estancias tanto para reservas individuais, de parellas ou familias. Os visitantes poderán recibir un AGASALLO PREMIUM con actividades que realizarán guías de turismo, empresas de turismo activo, adegas turísticas, restaurantes, artesáns, museos e instalacións, etc.

Con estas liñas de actuación enmarcadas no proxecto, potenciarase a oferta de actividades nunha contorna próxima ao aloxamento, promocionando o produto local ou de proximidade. Para elo os Produtos Km0, Artesanía de Galicia, Indicacións Xeográficas Protexidas, Denominacións de Orixe, etc... son o vehículo transmisor das experiencias propostas e que, á súa vez, aprovéitase para a súa posta en valor, mellorando o seu coñecemento polo visitante, e fomentando o seu uso e consumo.

 
 
Ir arriba